Novo convenio colectivo de traballo provincial para o sector das panaderías de A Coruña

O pasado 21 de xuño publicouse no BOP a Resolución pola que se inscribe no Rexistro e se dá publicidade ao convenio colectivo de traballo provincial do sector de panadería da Coruña. Este foi formalizado e asinado pola Central Sindical Unión Xeral de Traballadores (U.G.T.) e a Asociación Provincial de Empresarios Fabricantes de Pan da Coruña.

Desde APROFAR queremos informar aos nosos asociados e asociadas que esta asociación non foi invitada á sinatura, nin consulta, para a elaboración de dito convenio. Sen embargo, gustaríanos resolver unhas cantas dúbidas que poden xurdir en relación ao mesmo:

– Que implica o novo Convenio Colectivo do sector de Panaderías para os forneiros artesáns da Coruña?

  • Dito convenio ten efecto retroactivo, o que significa que deberán ser aboadas as nóminas con retraso desde o ano 2014 aos traballadores contratados. No convenio especificase un incremento do 0,75% para 2015, un 1% para 2016, un 1,20% para 2017 e un 1,25% para 2018. Ditos incrementos serán sobre as táboas saliariais do convenio, excepto sobre o plus do domingo que ten un incremento específico.
  • O plus de traballo en cámara de conxelación con respecto ao anterior convenio fíxase en 90,68 €/mes para 2015, 91,59 €/mes para 2016, 92,69 €/mes para 2017 e en 93,85 €/mes para 2018.
  • Establécese un plus de domingo fixo segundo o cal o traballador percibirá, sen perxuizo do descanso semanal que lle corresponda, ademáis do salario/día normal: de 20 € domingo/traballado para os anos 2014 e 2015, de 21,50 €/domingo traballado para 2016, de 22€/domingo traballado para 2017 e de 24 €/domingo traballado para 2018.
  • En relación ás incapacidades temporais cando a duración sexa inferior a 30 días sen hospitalización superior a 5 días, non haberá complemento algún ás prestacións previstas legalmente.
  • Inclúese dentro das licenzas retribuidas o dereito a 12 horas anuais retribuidas para acudir á visita do médico de cabeceira ou do médico especialista. Estas horas poderán empregarse indistintamente. Tamén o acompañamento aos servizos de asistencia sanitaria de fillos menores de 12 anos e ascendentes de primeiro grao, tanto de consanguinidade como de afinidade.

– Significa isto que terei que pagar aos meus traballadores nun único pago os atrasos marcados por dito convenio desde o ano 2014?

Sí, xa que o convenio que non foi publicado ata o de agora, recolle o período entre 2014 e 2018 e ten carácter retroactivo. Polo que o empresario deberá aboar aos seus traballadores a cantidade que lle corresponda nun pago único e con efecto inmediato.

Sen embargo, desde APROFAR queremos remarcar o duro golpe que a aprovación deste convenio supón para as pequenas e medianas panadarías da provincia de A Coruña. Un sector que, ademais de estar a vivir unha situación de crise económica, agora debe afrontar o pago único fixado neste convenio. É evidente a importancia da estabilidade dos nosos traballadores e compañeiros, sen embargo unha medida deste tipo pode supoñer un grande problema que afecte á viabilidade dos despachos artesanais.

Se o desexa, tamén pode consultar o Convenio Colectivo Provincial de Panaderías da Coruña de 2013.