IN201H – Subvencións para a mellora da imaxe, acondicionamento e modernización dos establecementos comerciais minoristas.
O día 16 de xuño abriuse o prazo para realizar a solicitude das IN210H – Subvencións para a mellora da imaxe, acondicionamento e modernización dos establecementos comerciais minoristas.
As persoas ou empresas interesadas deberán tramitar a subvención desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, xunto coa seguinte documentación:
- Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
- Documento acreditativo de poder suficiente para actuar ante a Administración do representante legal da entidade solicitante.
- No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención. Deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
- Se a entidade solicitante está dada de alta no IAE en máis dunha actividade económica e algunha delas non é subvencionable, segundo o anexo II das bases reguladoras, deberá xustificar cal delas é a principal. No caso de sociedades, presentará a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior e no caso de comunidades de bens ou sociedades civís documento acreditativo oficial da actividade principal. As persoas físicas e as sociedades que non dispoñan da declaración do IRPF ou do IVE por ter iniciado a actividade recentemente, substituirán estes documentos pola declaración prevista no punto 10 da solicitude (anexo IV). A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas, en canto dispoñan deles. De non cumprir co asinado na declaración responsable procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Informe emitido pola Seguridade Social de vida laboral do último ano, con todos os códigos de conta de cotización do solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.
- Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar. Estarán exentas da presentación de memoria as solicitudes de subvención para a actuación prevista no artigo 1 punto 3.3.
- Proxecto técnico de decoración e interiorismo asinado por un profesional da decoración, interiorismo ou arquitectura, no cal deberán incluírse as distintas actuacións para as que se solicita a subvención, que deberán coincidir coa memoria presentada, e o deseño gráfico do resultado final que se pretende obter, no caso de comerciantes retallistas que soliciten as actuacións definidas no artigo 1 punto 3.1 das bases da convocatoria.
- Fotografías ou documentos gráficos do local antes de iniciar as actuacións, agás no caso de que teñan realizado as actuacións con anterioridade á data da publicación desta orde.
- Facturas ou, na súa falta facturas, pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel. Estarán exentas da presentación das facturas ou orzamentos as solicitudes do tícket de xestión de redes sociais previsto no artigo 1 punto 3.3. As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.
- Para os efectos sinalados no artigo 9 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación, que en ningún caso será obxecto de requirimento:
- Certificado expedido polo órgano competente de estar integrado nun centro comercial aberto, asociación de comerciantes, empresarios ou artesáns.
- Documentación acreditativa de ter participado nun programa de relevo comercial promovido pola Administración pública, asociación ou federación de comerciantes de Galicia, ou cámara oficial de comercio, industria e navegación de Galicia, agás nos casos de axudas convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria (IN216A).
O prazo para a presentación das solicitudes remata o día 17 de xullo de 2017. Calquera dúbida que teñades ao respecto facédenola constar a través do correo comunicacion@aprofar.es. Estaremos encatados de resolver as vosas dúbidas e poñervos en contacto con empresas coas que estamos a asinar convenios.